Berta Travieso: «As familias sirias xa hai tempo que esgotaron todos os seus recursos»

A. L. REDACCIÓN / LA VOZ

COOPERANTES

A xefa da oficina de terreno de Unicef no Líbano explica a situación das persoas refuxiadas

25 nov 2016 . Actualizado a las 15:30 h.

Despois de moitos anos axudando a mulleres en situación de vulnerabilidade, Berta Travieso (Suíza, 1965) colleu a maleta e decidiu centrar os seus esforzos nas persoas que viven en países en conflito. Camboxa, Kosovo, Sudán, Afganistán, República Democrática do Congo, e finalmente o Líbano foron os seus destinos da man de Unicef. Di que en cada zona os problemas son distintos, e polo tanto, tamén as actuación son diferentes. «O que é similar son os nenos cos que traballamos, en todas partes teñen os mesmos dereitos: a ter unha identidade, a unha familia, á educación, á saúde, a vivir libres de violencia, á protección especial en tempos de guerra, e á participación nas súas comunidades», sinala.

-¿Como é a situación no Líbano?

-Con aproximadamente 1,5 millóns de refuxiados sirios e máis de 300.000 palestinos, cunha situación económica delicada, con altos índices de desemprego, e coa guerra nas fronteiras entre as distintas partes en Siria, pódese dicir que a situación está relativamente estable, pero tensa. Recentemente os distintos grupos políticos no Líbano conseguiron lograr un acordo para elixir un presidente e formar un novo Goberno, o que é un importante porque h abía máis de dous anos que non había presidente.

-¿Como viven os refuxiados?

-Do 1,5 millóns de refuxiados sirios, só un millón dispoñen de documentos legais. Uns 250.000 non viven en campos organizados, esetán en pequenos campamentos, moi espallados por toda a xeografía, e algúns en zonas de difícil acceso por razóns de seguridade. Existen limitacións ao emprego e á mobilidade, o que fai que moitas familias vivan dependentes da axuda humanitaria para sobrevivir. Teñen ademais dificultade para acceder a servizos de saúde, escolas, xustiza...  

-¿Hai moita diferenza entre os refuxiados sirios e o resto?

-Os refuxiados palestinos levan aquí moitos anos e a maioría viven en campos de refuxiados nas cidades. Moitos xa naceron aquí,pero non teñen a nacionalidade libanesa, e isto discrimínaos para exercer determinadas profesións. O nivel de pobreza e a falta de oportunidades é moi similar á de refuxiados de distintas naciounalidades, sen embargo, debido ao maior tempo que levan aquí, están algo mellor organizados e integrados.

-¿Cal é o labor de Unicef?

-Aquí no Líbano, Unicef traballa no acceso á auga e á sanidade, nos programas de saúde e nutrición, na protección da infancia e no acceso a educación.

-¿Houbo algún avance na situación destas persoas?

-Estamos no sexto ano da crise siria e pódese dicir que si hai avances positivos. Por exemplo, ao principio era moi difícil que os nenos sirios foran á escola, e hoxe máis de 200.000 asisten regularmente. Tamén conseguimos vacinar a 360.000 contra a polio (libaneses, sirios e palestinos menores de 5 anos), e dar auga potable a máis de medio millón de persoas. Por outra banda, a tensión social entre os libaneses e os sirios vai aumentando, xa que hai unha pugna polos recursos, polo acceso a empregos, vivenda e servizos. As familias sirias xa hai tempo que esgotaron todos os seus recursos e a axuda humanitaria está a decaer. Isto fai que cada vez mais familias teñan que recorrer a formas negativas de supervivencia, como son o traballo infantil, o casamento infantil, a mendicidade, a limitación na cantidade e calidade da comida, etcétera.

-¿Haberá solución?

-Estamos á espera da dirección que tomará o novo Goberno libanés e, por suposto, seguimos moi de cerca a situación en Siria, xa que a maioría dos refuxiados espera regresar en canto termine o conflito.

-¿Como valora a implicación dos distintos gobernos?

-Obviamente, só me podo referir á axuda humanitaria e ao desenvolvemento proporcionado por moitos países, e que permiten que poidamos ofrecer asistencia. Neste senso, a comunidade internacional foi moi xenerosa nestes anos, e o risco que corremos é que vaian diminuíndo os fondos cando as necesidades seguen a crecer.