A Xunta consolida o seu apoio as comunidades galegas en Río de Xaneiro

La Voz

BRASIL

Rodríguez Miranda asinou un convenio de colaboración á «Peña Galega» da Casa de España e visitou a Sociedade «Recreio dos Anciâos»

01 ago 2016 . Actualizado a las 09:56 h.

 O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asinou un convenio de colaboración entre o departamento que dirixe, e maila Consellería de Política Social, coa Peña Galega da Casa de España. Este documento serve de base xurídica para dar apoio aos preto de 2.000 galegos residentes na zona, e está dotado con corenta mil euros, coa finalidade de atender as necesidades socio asistenciais dos cidadáns galegos residentes en Brasil, achegados integramente por Política Social.

A Peña Galega da Casa de España é unha entidade sen ánimo de lucro que leva a cabo unha importante política social asistencial orientada a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas maiores pertencentes á colectividade galega. Nas súas instalacións aténdense en torno a trescentas persoas de orixe española (e, entre elas, o colectivo de galegos é o máis destacado numericamente).

 Tras a visita á Peña Galega da Casa de España, Miranda visitou a Sociedade Recreio dos Anciâos de Río de Xaneiro, entidade coa que a secretaría xeral asinara recentemente un convenio de colaboración, dotado con vinte mil euros. O Recreio conta arestora con ao redor de 200 prazas para maiores, das que unha elevada porcentaxe se destina a persoas con orixe española. É unha entidade benéfica creada no ano 1940, destinada a acoller persoas maiores de forma temporal ou permanente de xeito gratuíto dando prioridade aos españois necesitados e persoas maiores.

A axenda do secretario xeral en Río concluíu cunha visita á «Sociedade Espanhola de Beneficencia ? Hospital Espanhol», unha das institucións de atención social e sanitaria máis antigas do Brasil. Naceu en 1859 como «Sociedad Española de la Caridad» da man de españois, sobre todo comerciantes e representantes de empresas españolas en Brasil, co obxectivo de reducir no posible os problemas de saúde pública, pois naquel momento a cidade carecía de hospitais e organizacións médicas de calidade.

Canda Arxentina, Venezuela, Uruguai, México, e Cuba, Brasil concentra a unha porcentaxe importante da colectividade galega emigrada á outra beira do Atlántico. Segundo os datos máis recentes do INE, arestora residen no país carioca 46.671 galegos, que ven representando o 37’29 % do total de 125.150 españois residentes na República Federativa.

 Deses 46.671 galegas e galegos, 33.913 naceron xa na diáspora. É dicir: o 72’67 % son xa nados no propio país, constituíndo a semente dunha nova xeración da Galeguidade aínda máis inmersa na sociedade de acollida, «pero que segue a sentirse fondamente vinculada coa Galicia territorial, tal e como demostra a súa activa participación en cantos programas desenvolve a Xunta no Brasil», tal e como salienta Rodríguez Miranda.