«A derradeira leición do mestre» será eixe da mostra sobre Castelao

La Voz

ARGENTINA

Conchi Paz

O óleo, que por primeira vez se poderá ver en Galicia, estará na Cidade da Cultura durante catro meses

17 feb 2018 . Actualizado a las 04:55 h.

O cadro A derradeira leición do mestre, de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, sairá en outono por primeira vez de Arxentina para ser a peza central da exposición Castelao maxistral, que acollerá a Cidade da Cultura durante catro meses. «Hai tempo que tiñamos a aspiración de que o cadro puideran velo os galegos da terra, porque é transcendente e oportuno que o vexan xa que é unha toma de conciencia e tamén unha demostración do aporte da emigración», asegurou onte o presidente do Centro Galicia, José María Vila Alén, despois de asinar o acordo co conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, para que a peza viaxe para ser exhibida por primeira vez en Galicia. 

A exposición estará comisariada por Miguel Anxo Seixas, vicepresidente da Fundación Castelao e un dos grandes coñecedores da súa obra. Coa peza chegada de Arxentina como eixo central, a mostra está pensada, segundo destacou o conselleiro, para poñer en valor o mundo de Castelao, e concretamente o vinculado ao educativo.

Román Rodríguez destacou o gran valor simbólico do óleo de Castelao propiedade do Centro Galicia: «Vai permitir coñecer o noso pasado, pero tamén mirar para adiante con máis forza e sensatez. É unha imaxe impactante, resultado do fanatismo, da intolerancia, do radicalismo, que non debemos esquecer, pero debemos mirar para adiante para evitar que se repita». Engadiu que a mostra Galicia maxistral «quere representar un galeguismo integrador, que reforza os lazos entre os galegos daquí e dacolá». En todo momento deixou claro que a obra regresará a Arxentina despois da mostra e subliñou que «o Centro Galicia tamén é Galicia».

O acto contou cos presidentes do Consello da Cultura, a Real Academia Galega, a Real Academia de Belas Artes e a Fundación Castelao. Víctor Freixanes e Ramón Villares aplaudiron que un dos óleos senlleiros de Castelao poida verse en Galicia.