A grande arte galega na Arxentina

Héctor J. Porto REDACCIÓN / LA VOZ

ARGENTINA

«Procesión de la Virgen de la Franqueira» (1931), de Sotomayor
«Procesión de la Virgen de la Franqueira» (1931), de Sotomayor

O debate sobre a oportunidade do retorno definitivo de «A derradeira leición do mestre» de Castelao pon o foco sobre o valioso patrimonio do Centro Gallego de Buenos Aires

19 ene 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Notables persoeiros da cultura galega levantaron a voz estes días a favor de impulsar unha iniciativa política que faga posible que o lenzo de Castelao A derradeira leición do mestre quede definitivamente no país, aproveitando a súa exposición -que a Consellería de Cultura prevé para os meses finais do ano- no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela. Por se as condicións con que se negocia o traslado da obra non estivesen claras dabondo, o Centro Galicia de Buenos Aires -propietario do óleo- fixo público onte un comunicado no que subliña que está a desenvolver as xestións necesarias para pechar unha «cesión temporal» e que o cadro poida verse na Cidade da Cultura durante uns meses, de acordo co compromiso adquirido co conselleiro Román Rodríguez na súa visita á capital arxentina a comezos do 2017. O proxecto -apunta a entidade- enmárcase no traballo que promoven «a prol da defensa e da divulgación da identidade e a cultura de Galicia e da realidade dos seus cidadáns asentados na Arxentina, como parte dunha comunidade máis ampla que conforma unha Galicia Universal».

«Feira en Ourense», de Manuel Colmeiro
«Feira en Ourense», de Manuel Colmeiro

O debate suscitado pola especial significación de A derradeira leición do mestre pon o foco sobre a grande arte galega que aínda acolle Arxentina -moitas das obras, procedentes dos tempos do exilio- e, ante todo, sobre o valioso patrimonio do Centro Gallego de Buenos Aires, un dos máis importantes dos que a emigración espallou polo mundo. Alí pódese atopar outro relevante lenzo de Castelao, Camiño da festa de Guadalupe (1913), ou o seu debuxo a lapis Familia do cego (1940). Unha das pezas emblemáticas da súa colección é a Procesión de la Virgen de la Franqueira (1931) de Fernando Álvarez de Sotomayor, pero tamén destacan Nacimiento (1950) de Isaac Díaz Pardo, Feira de Ourense de Manuel Colmeiro, Maternidad e Conto de nenos (1951) de Laxeiro, Muiñeira (1948) e Emigrantes (1951) de Luís Seoane, A sesta de Carlos Maside ou Feira de Leopoldo Nóvoa.

«Emigrantes» (1951) de Luís Seoane
«Emigrantes» (1951) de Luís Seoane

Moito se ten falado da situación de quebra económica do Centro Gallego -que levou aos socios a acordar a súa posta á venda-, pero a colectividade galego-arxentina sempre se ten manifestado en defensa do seu patrimonio cultural, poñendo a pinacoteca e os fondos bibliográficos -máis de 20.000 volumes- á marxe desta operación económica. O centro taxou o valor das 161 obras de arte en 665.000 euros pero non contempla desfacerse delas. E a Xunta respecta que sexan os socios da entidade -como lexítimos propietarios- quen sigan a preservar e xestionar este patrimonio cultural.

«Camiño da festa de Guadalupe» (1913) de Castelao
«Camiño da festa de Guadalupe» (1913) de Castelao