A recuperación da placa da rúa Buenos Aires

Eduardo Gutiérrez CRONISTA OFICIAL DE RIBADEO

ARGENTINA

E. GUTIÉRREZ

26 jun 2017 . Actualizado a las 13:28 h.

O Concello decidiu darlle o nome de Avenida de Buenos Aires á baixada a Figueirua en abril de 1934, atendendo así a solicitude do Centro Ribadeo y sus Distritos, da capital arxentina que, ademais, agasallou á entidade municipal coa placa que agora se repón, como acto limiar do Ribadeo Indiano. O certo é que a denominación permaneceu sen alteracións durante todos estes anos, a diferenza de outros espazos urbanos que experimentaron varios cambios. Non tivo a mesma fortuna o rótulo propiamente dito, que estaba colocado na casa dos Barreiro, no número 1 da rúa que comentamos. O fermoso edificio orixinal, foi derrubado para dar paso ao actual, nun caso máis de desfeita urbana que, con todo, non foi o peor. Ainda sendo espiñento estabelecer unha escada no tocante a estas galdrumadas, o que fai esquina entre a rúa Rodriguez Murias e El Viejo Pancho, é merecerte do record de bodrios. O caso é que o distintivo quedou arrombado nas imediacións, sen a debida protección e acubillo, ou sexa con risco de desaparición, tal e como sucedeu con outros elementos patrimoniais. Afortunadamente, Jorge Peña, a quen debo citar contravindo as súas instrucións, recolleu o rótulo e preservouno da preguiza e desleixo xeral. E, como mostra de estima e de agradecimento, cómpre pregoalo, ainda a pesar das súas reticencias.

Quizais nun lugar onde se celebra e conmemora ?con grande adhesión e participación- o Ribadeo Indiano, convén evocar que hai moitos anos, os nosos devanceiros tiveron o acerto de lembrar e perpetuar a pegada migratoria, respondendo á apelación de veciños asentados na República Arxentina, berce tamén de altruistas filántropos, que sempre mantiveron acesa a chama da raigaña ribadense, no medio da morriña e a saudade e o balbordo do inexcusable folclore.

En anterior ocasión, comentamos que a magnanimidade dos irmáns Moreno Ulloa foi a máis destacada, pero non a única procedente de aquel país, xa que é preciso citar a Antonio Rodríguez del Busto, que aparte de algunha axuda ocasonal fixo un xeneroso ofrecimento, que a desidia local, por aludir prerifrasticamente ao caciquismo, desbotou sen mais formalidade nen requisitos que o silencio e o desprezo. Mais, por outra banda, o rueiro ribadense é un testemuño de agradecimento aos filántropos emigrados: Amador Fernández, Clemente Martínez Pasarón, Ernestina Mansilla, Ramón González, Jesús Rodríguez Murias, Antonio Otero e os citados irmáns Moreno Ulloa.

Con todo, non é menos meritoria a iniciativa do Centro Ribadeo, que foi quen de aguilloar a acordanza dos seus veciños, rendendo homenaxe á cidade na que vivian, e contribuindo coa nomeada placa, ademais de facerse representar no acto inaugural por medio dun seu delegado, tal e como sinala o presidente do Centro, Manuel Iglesias, en carta ao Alcalde o 26 de outubro de 1934.

Reponse agora, algo máis que un rótulo, a lembranza dunhas xentes e dun tempo que forman parte da nosa historia: a percura do futuro e, tamén, o abeiro en tempos de persecución.