O Ulises galego

ARGENTINA

24 feb 2017 . Actualizado a las 10:56 h.

O historiador da literatura Rafael Benítez Claros (1919-1972) escribiu sobre «unha verdadeira odisea oceánica protagonizada polo home do noroeste entre a súa terra e América» e subliñou que «soaba ben isto do Ulises galego, porque, de certo, toda a capacidade de resistencia paciente, os sutís dotes do enxeño e a habilidade inesgotable do protagonista grego áchanse, vertidas a unha escala atlántica, nestes heroes occitánicos». Chega con botar unha ollada á nosa emigración dos séculos XIX e XX para decatarse da enorme proporción desta realidade, cunha riada de galegos indo para América en busca dun destino mellor. As súas venturas e desventuras darían para encher innumerables páxinas, un esforzo que, lamentablemente, non se ten feito. Abonda con viaxar a Arxentina, Brasil, Venezuela, México ou Cuba para atopar aínda memoria viva das últimas etapas desta xeira. Historias asombrosas, inesquecibles, que ninguén foi recoller a tempo. O propio Unamuno citaba con fascinación que o máis famoso e lendario dos gauchos alzaos na Pampa arxentina se chamaba Juan Moreira, fillo dun emigrante español, José Custodio Moreira, probablemente galego.

Lamento moito non ter recollido todas as historias de emigrantes galegos que contaban, con abraio e xenerosidade, intelectuais como Luís Seoane ou Rafael Dieste. Non puido ser, aínda que con Seoane tiven un encontro en Madrid sobre este asunto. O malo foi que, de certo, só puido contarme enteira a fermosa historia dun coruñés da Costa da Morte que chegou a facer unha gran fortuna en Bos Aires; logo mercou unha enorme parcela no interior da Arxentina e veu buscar á súa nai para que disfrutase un tempo daquelas riquezas. A resposta da nai foi concluinte: «Non, eu non vou, que non quero volver de rica a onde vivín de pobre». Cousas dun mundo que se esvaece e que nos deixa sen unha fermosa parte da nosa memoria. Lamentablemente, esas odiseas non tiveron os seus Homeros. Pero aí queda a súa contribución á historia de moitos países. Porque, como ben dixo Günter Grass, «todas as grandes culturas xurdiron a partir de formas de mestizaxe». Por iso nós non deberiamos recear tanto dos Ulises inmigrantes.