«Santiago estará en Bos Aires no 2016 como escaparate da cultura galega»

La Voz

ARGENTINA

Anxo Lorenzo confirma que Compostela será dentro de dous anos a cidade invitada ao gran certame literario

16 may 2014 . Actualizado a las 10:58 h.

De regreso da Feira do Libro de Bos Aires, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, fai balance da presenza galega nunha das citas literarias máis importantes do circuíto internacional e analiza a figura de Díaz Castro, protagonista do Día das Letras.

-¿Que representa Díaz Castro para a cultura galega?

-A persoa elixida cada ano para o Día das Letras Galegas permite descubrir a un autor ou autora en todas as súas facetas, en toda a súa policromía ou polifonía. E con Díaz Castro tamén está pasando. Era coñecido dentro do ámbito cultural por Nimbos, un poemario dunha enorme calidade e potencia, pero con este Día das Letras Galegas estamos a descubrir outras facetas moi interesantes como é por exemplo que foi un poeta en castelán dunha enorme valía, con Sombras radiantes y otros poemas, e despois o descubrimento de Díaz Castro tradutor de 007, Rilke, Chesterton e do Reader?s Digest... Con Díaz Castro está pasando como con tantos autores do Día das Letras Galegas, que empeza o seu ano nunha faceta principal pola que era coñecido ata entonces e acabaremos o ano cun Díaz Castro cunha amplitude de rexistros e cunha policromía moi superior a como comezou o ano.

-¿Que papel xoga Galicia na Feira do Libro de Bos Aires?

-O que facemos desde a Xunta é vincular a presenza de Galicia na feira con actividades que xiren arredor da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas. E sempre desde a perspectiva de que a Feira do Libro non só serve para levar as Letras Galegas á propia feira, senón que tamén procuramos, por esa significación que ten Bos Aires para Galicia, expandir esas actividades fóra da feira, cousa que non facemos noutras feiras, onde o lugar de recepción é unicamente a feira. O que facemos neste caso é proxectar parte das actividades programadas fóra da feira, de maneira que nos permita celebrar as Letras Galegas coas entidades máis representativas da colectividade galega.

-Houbo uns actos particularmente sentidos este ano no centro Santiago Apóstol, onde hai que subliñar a participación moi activa dos rapaces.

-Si, o instituto Santiago Apóstol é un proxecto recente, que se constitúe en Bos Aires como un elemento de transmisión da galeguidade e dun programa educativo que se fai en galego e en castelán, pero cunha perspectiva de levar a cultura galega a Bos Aires. E efectivamente, como o sistema educativo arxentino favorece a participación do alumnado, pois iso fai que as actividades culturais que se levan ao instituto sexan moi exitosas como vimos este ano coa participación dos rapaces.

-Tamén é destacada a presenza na propia feira, cun stand no pavillón principal.

-Si, é un privilexio que ten Galicia polo feito de estar na feira desde o primeiro ano, desde hai 40 anos. Os organizadores son moi sensibles a esa circunstancia, ao feito de que é un pavillón histórico. O espazo de Galicia compártese co Instituto Argentino de Cultura Gallega, que depende do Centro Gallego de Bos Aires, o que tamén lle dá un plus e un valor importante ao noso stand. Estabamos xunto á cidade invitada este ano, São Paulo...

-E, falando de cidades invitadas, xa estaban moi avanzadas as negociacións para que Santiago sexa a cidade invitada na feira no 2016. ¿Pode confirmarse xa?

-Non está aínda pechado o protocolo de colaboración coa Fundación El Libro, que organiza a feira, pero as negociacións están moi avanzadas. Faltan só os papeis. En calquera caso, que unha experiencia de cidades invitadas que comezou o ano pasado na feira con Ámsterdam e segue agora con São Paulo e o ano que vén con México DF, que no 2016 sexa Santiago vai ser un reto e unha oportunidade para a cultura galega e así o enfocaremos. Como un proxecto de goberno, onde vai estar a cidade de Santiago, claro, pero como un reto para toda a cultura galega en xeral. O feito de estar presente en Bos Aires e Arxentina será un elemento moi importante para a proxección da nosa cultura.

-¿E con que proxecto se presentará Santiago no 2016?

-Eu creo que vai ser un fito realmente importante nun momento no que creo que estaremos en condicións de abordar proxectos un pouquiño máis ambiciosos que algúns dos que estamos levando agora, pero temos que enfocalo con ambición e realismo para facer que a presenza de Galicia e Santiago durante esas tres semanas en Bos Aires sexa un escaparate da cultura galega, das hibridacións da cultura galega con Arxentina e con toda Latinoamérica.

-Aí haberá que aproveitar esa conexión que flúe nas dúas direccións entre América e Galicia...

-Efectivamente, o que propuxemos á fundación, e eles están totalmente de acordo, é que esa presenza teña un primeiro nivel na propia feira, como é normal, pero o que queremos é organizar ao longo desas tres semanas un conxunto de actividades fóra do recinto da feira, nos diferentes ámbitos: editorial, musical, escénico, audiovisual... e en diferentes espazos da cidade de Bos Aires para levar a cultura galega máis preto da sociedade arxentina.