Díaz Castro conquista Arxentina

La Voz

ARGENTINA

Desde a primeira edición, hai 40 anos, Galicia está presente na Feira Internacional do Libro de Bos Aires, onde rende tributo ao autor homenaxeado No 17 de maio

16 may 2014 . Actualizado a las 10:56 h.

A Feira Internacional do Libro de Bos Aires acada este ano a súa 40.ª edición. Só 15 dos 1.500 expositores actuais están presentes no certame desde a súa estrea alá en 1975. Un é o de Galicia, que por iso ten gañado o privilexio de estar no pavillón principal da Rural. Galicia participou na feira primeiro a través do Instituto Argentino de Cultura Gallega, do centenario Centro Gallego, e desde hai anos compartindo espazo e promoción coa Secretaría Xeral de Cultura, que programa unha serie de actos para festexar en Bos Aires o Día das Letras Galegas e render tributo ao protagonista do 17 de maio.

A proposta galega en Bos Aires desenvólvese no recinto da feira, pero tamén en diferentes espazos de referencia da capital arxentina, dada a histórica vinculación -a través da emigración e do exilio- da comunidade e a cultura galegas á cidade.

Premio rosa dos ventos

Nesta edición da feira, que se desenvolveu do 24 de abril ao 12 de maio, a actividade da delegación galega comezou coa visita ao Instituto Santiago Apóstol, onde Luís González Tosar, presidente do Centro Pen Galicia, recibiu o Premio Rosa dos Ventos concedido polos alumnos do instituto, onde descendentes de galegos, pero tamén cativos de orixe coreana veciños do barrio, coñecen de primeira man a lingua e a cultura de Galicia.

A delegación galega, encabezada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, tamén visitou a Academia Argentina de Letras, onde compartiron impresións coa vicepresidenta da corporación, Araceli Zorrilla, e con académicos como Abel Posse, Francisco Requeni ou Santiago Kovadloff, e percorreron a biblioteca da institución, que atesoura 130.000 volumes.

Un dos actos máis emotivos foi a visita á Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, que preside Francisco Lores, e ao emblemático Museo da Emigración de Chacabuco 955. O centro, que garda memoria do exilio republicano e galeguista en Bos Aires, acolleu tamén a presentación da edición arxentina do volume Manuel Lueiro Rey. A liberdade ferida, de Francisco Lores, acto no que participaron, ademais do propio autor, Anxo Lorenzo, Luís González Tosar e o crítico e profesor Armando Requeixo. En Chacabuco aínda lembran cando o asesor dun político tentou hai anos retirar a bandeira republicana do despacho do presidente para que non saíra na foto e Lores, contundente, atallou: «A bandeira non se toca».

No Centro Lalín -o refuxio onde Alfonsín conspirou para devolver a democracia á Arxentina- os entusiastas alumnos do Terzo da Fala, que dirixe Gisela Barbeito, exhibiron o seu excelente galego con acento porteño, que aprenden nas clases que se imparten todos os mércores no centro, e compartiron algunhas das impresionantes historias da emigración cos membros da delegación galega.

Xa na feira, o acto central arredor do Día das Letras Galegas tivo lugar na sala Roberto Arlt, autor dunhas deliciosas Aguafuertes gallegas y asturianas publicadas no seu día en El Mundo e reunidas logo nun libro pola editorial Losada. Na conversa, Anxo Lorenzo, Luís González Tosar e Armando Requeixo reivindicaron a poesía de Díaz Castro e a histórica vinculación entre a cultura galega e Bos Aires.

PORRÚA E VALLE-INCLÁN

Tamén no stand de Galicia na feira tivo lugar a presentación dos libros de Xavier Alcalá La Habana Flash e Verde oliva, e a catedrática de Literatura da Universidad de Buenos Aires Carmen Porrúa presentou a edición arxentina da revista Cuadrante, da Asociación de Amigos Valle-Inclán. Porrúa fixo a súa tesina con Carvalho Calero sobre a linguaxe das Comedias bárbaras e a súa tese foi publicada en 1983 por Díaz Pardo en Ediciós do Castro. «Desde que en 1985 gané la cátedra de Literatura Española III di todos los años una o dos obras de Valle-Inclán. Valoro muchísimo a este autor, al que considero el más original de su momento, y que tuvo una notable presencia en Argentina a través de la revista Caras y caretas», subliñou Porrúa.

O grupo Xardín Desordenado converteu en música a poesía de Díaz Castro na sala Roberto Arlt, e os mesmos protagonistas repetiron noutro dos actos centrais da delegación galega, no teatro Valle-Inclán do Centro Galicia. No mesmo escenario, Anxo Lorenzo e o presidente do centro, Agustín Díaz Portabales, destacaron os fortes lazos que unen a Galicia coa emigración en Bos Aires, e Xabier Castro, Luís González Tosar e Armando Requeixo recitaron poemas do autor de Nimbos para pechar a sentida homenaxe a Díaz Castro.