«Quédame moito Chile por percorrer»

María Meizoso AS PONTES

AMÉRICA

Compaxina os seus estudos de intercambio coas viaxes polo continente americano

08 jun 2017 . Actualizado a las 12:31 h.

Aterrou na cidade chilena de Viña do Mar «a cegas, sen saber case nada desta zona». E, a un mes de deixar o país que o acolleu neste último ano, o pontés Anxo Meizoso sente que as expectativas están máis que cumpridas. «Vin coa intención de coñecer o país, a súa xente, a súa cultura e así foi», sinala. Para Meizoso -estudante de Ciencias da Educación Física e o Deporte- comeza a conta atrás dun ano no que cruzou o charco para participar nun programa de mobilidade internacional da Universidade da Coruña.

-Atopou moitas diferenzas entre o sistema universitario español e o chileno?

- Aquí a educación en xeral é un luxo, a universitaria máis, un ano de INEF aquí, nunha universidade privada, está sobre 4.500 euros. Teño amigos que acaban de rematar os seus estudos e agora comezan a traballar para pagar durante 10 anos un crédito de Estado que tiveron que pedir para poder estudar na universidade. Xente que sae de clase e traballa para poder pagarse a súa cota, compañeiros que a diario fan alfajores -doce típico- ou bocadillos para vender na facultade e así poder pagar diariamente o transporte para ir á facultade. Esa é a realidade chilena. Por outro lado, o acceso á universidade pública é moi difícil, xa que hai moi poucas prazas e digamos que está reservada para os mellores expedientes.

-Despois de tantos meses, un chega a sentirse como en casa?

-Cruzas dúas palabras cun chileno e xa es o seu mellor amigo, son así, son moi «boa onda», como din eles, as veces da a sensación de estar nun país cunha lingua diferente, cando falan rápido é imposible entenderlles nada, palabras como «weon», «cachay» ou «fome». Aquí aos estranxeiros, sobre todo aos españois, tratan de axudarlles en todo. Son xente xenial, xamais esquecerei a familia que nos colleu facendo dedo a min e un amigo e nos levou a comer a súa casa na ladeira do volcán Villarrica e logo nos levou ao pobo cara onde iamos simplemente a cambio dunha boa conversa.

-Como é o día a día para un estudante de intercambio en Viña do Mar?

-Eu son unha persoa moi activa, pola mañá temos universidade, practicamente toda a mañá, e logo, as tardes, as dedico a estudar, colaborar cun profesor nunha investigación, adestrar nun club de atletismo e ximnasio. Logo facemos xuntanzas co resto de compañeiros de intercambio, somos coma unha pequena familia aquí, somos 5 galegos, así que estamos coma na casa. Teño unha vida sen descanso.

-Imposible exprimir máis esta experiencia...

-Un dos meus obxectivos era viaxar e está cumprido. En Chile ademais de coñecer lugar míticos como San Pedro de Atacama ou a Patagonia Chilena percorrín moitos lugares a través de carreiras de montaña, sempre que tiña un fin de semana libre buscaba un trail e alá ía. A outra parte desta experiencia foi o resto de países de Sudamérica como son Arxentina, Ecuador, Brasil ou Perú. E os que me quedan aínda ata agosto. Son unha persoa moi activa, de feito, xa estou organizando o vindeiro ano. Teño que rematar os meus estudos e quixera materializar algún proxecto de traballo.

-Volverá a Chile?

-Por suposto, aquí deixo a moitos amigos. Chile ten, de punta a punta, máis de 5.000 quilómetros, así que imaxina o que me queda.