Nova Galega de Danza leva o seu «Son» por Perú, Arxentina e Brasil

Rodri García REDACCIÓN / LA VOZ

AMÉRICA

O espectáculo co que celebran os dez anos mestura danza contemporánea e flamenca

28 feb 2017 . Actualizado a las 10:44 h.

Un espectáculo que marca un punto de inflexión na historia de Nova Galega de Danza. Así cualifican desde a formación a súa última produción, Son, coa que esta semana inician unha xira por Latinoamérica e logo irán a Italia.

A estrea desta montaxe tivo lugar tamén fora de Galicia, en Bogotá, e foi o 23 de febreiro do ano pasado. Agora os días 1 e 2 de marzo estarán no Gran Teatro Nacional de Lima e logo viaxarán a Arxentina e Brasil.

A actuación na capital peruana forma parte do Festival de Artes Escénicas FAE Lima 2017 que se celebra durante os once primeiros días de marzo, e no que poderán verse 19 obras de Arxentina, Brasil, Chile, Colombia, Inglaterra, Uruguai e España, representada pola formación galega.

Os directores artísticos desta produción, Jaime Pablo Díaz e Carlos Rodríguez, contan para a mesma coa colaboración de Carmelo Segura como coreógrafo convidado dunha montaxe a que pon música o galego Sergio Moure de Oteyza, que estivo nomeado aos premios Goya e Gaudí.

Para Segura, Son é «una forma de expresión auténtica que pocas veces se ve sobre el escenario, un concepto bastante diferente». Moure, que a primeira vez compuxo música foi para un espectáculo de danza, considera que esta «é unha cousa moi atractiva de fusión norte sur, musicalmente falando».

Aposta arriscada

O espectáculo Son, co que Nova Galega de Danza celebra o seu décimo aniversario, é unha coproducción co Agadic a través do Centro Coreográfico Galego, e os seus autores tamén recoñecen que se trata dunha aposta coreográfica arriscada e diferente.

Así, o espectador vai vendo como 10 bailaríns verten sobre o escenario a loita creativa dun escultor que está pugnando por atoparse a si mesmo. Ademais, dúas voces en directo, un cantaor flamenco e outro tradicional galego, poñen voz a unha montaxe que os seus autores cualifican como «explosión creativa».

Un dos directores artísticos, Jaime Pablo Díaz, explica como xurdiu a mesturanza que se pode ver neste espectáculo: «O que fai Nova Galega de Danza é traballar dende a tradición e investigar para alcanzar novas formas de expresión». Neste sentido, a formación «tiña a necesidade de contar algo dun xeito distinto e con Son conseguímolo: é a primeira vez que se produce un encontro entre a danza tradicional galega, a española, a danza contemporánea e o flamenco».

Todo isto xa é coñecido polo público asistente as distintas actuacións que Nova Galega de Danza fixo o ano pasado en Galicia, dende o debut no teatro Rosalía de Castro da Coruña, no mes de maio, ata a representación coa que pecharon a xira galega en novembro, en Vigo.

Rematada esta última actuación, a formación escribía na súa conta de Facebook: «Y cerramos este fin de actuaciones en el Teatro Afundación de Vigo, nuevamente con una sala llena y de pie. Gracias». E logo o nome de todos os participantes.