A Conchada, punto de partida e de chegada

Antón Tenreiro

AMÉRICA

23 nov 2016 . Actualizado a las 10:21 h.

A Terra Chá conta con numerosas escolas de indianos, casas sufragadas polos nosos emigrantes en ultramar que acreditaban na cultura como mellor investimento para o futuro dos seus. Por sorte, moitas recuperadas fisicamente e constituídas hoxe en centros de vida social e cultural dos veciños do lugar. Algunhas pasan xa do século de vida e outras están próximas a cumprilo, como é o caso da escola habaneira da Conchada nos Vilares que será centenaria en 1923. A mellor honra a aqueles que investiron o esforzo do seu traballo e exilio das raíces na cultura dos seus, é restaurala, adaptala a estes tempos e facer dela o centro da vida social e cultural da parroquia. A eliminación de barreiras, os illamentos, a calefacción, a dotación de medios acaídos para as actividades, a xestión diaria, habitabilidade en definitiva, é urxente e necesaria. Para isto, a administración, as asociacións e a veciñanza teñen a obriga de entenderse e sumar esforzos que nunca serán máis grandes que o traballo que fixeron aqueles que hai case cen anos a construíron e que serviu para a educación de centos de vilaregos de varias xeracións. Non facelo, será unha deshonra á nosa memoria e ao noso patrimonio material e inmaterial cando aínda estamos a tempo de recuperala para uso de todos e poñela en valor como centro social e cultural da parroquia. Ese debe ser desde agora o reto. A Conchada volve a ser o punto de partida eo punto de chegada?