A cátedra Galicia América recupera a memoria da emigración mirando ao futuro

R. G. A CORUÑA / LA VOZ

AMÉRICA

Presentación da Cátedra Galicia América
Presentación da Cátedra Galicia América PACO RODRÍGUEZ

O académico e escritor Manuel Rivas é o director desta cátedra, que cualificou como «unha revolución positiva en toda esta cuestión das relacións entre Galicia e América»

28 sep 2016 . Actualizado a las 11:25 h.

«Este é, sen dúbida, o espazo máis axeitado, porque esta Academia existe porque existe América». Isto dicía onte Xesús Alonso Montero, presidente da Real Academia Galega (RAG), na presentación da Cátedra Galicia-América da Universidad Nacional de San Martín (Arxentina). O académico e escritor Manuel Rivas é o director desta cátedra, que cualificou como «unha revolución positiva en toda esta cuestión das relacións entre Galicia e América». Tamén falou dela como unha iniciativa «atípica que por iso ten todo o horizonte por diante» e asegurou que supón un punto de inflexión nos estudos da emigración galega, xa que se trata de recuperar a memoria da mesma pero mirando ao futuro. Rivas salientou que a Universidad Nacional de San Martín, que só ten 25 anos, é unha das máis anovadoras e por iso esta cátedra servirá para «que poña en comunicación as vangardas de América e de Galicia». Dous profesores de San Martín, Mario Greco e Micaela Cuesta, explicaron o proxecto. «Aspiramos a ter un lector e a fortalecer a presenza do galego alí», dicía Greco. Cuesta falou de Review. Revista de Libros, que publica a universidade e recolle no último numero o suplemento Siempre en Galicia, con traballos sobre Luis Seoane ou o exilio galego.