Noventa anos da Asociación Finisterre en América

Modesto Fraga A LUZ DA FIN DO MUNDO

AMÉRICA

Un 19 de setembro de 1926 un grupo de mozos fisterráns en Avellaneda botaron a andar esta entidade na diáspora

28 sep 2016 . Actualizado a las 11:27 h.

Foi un 19 de setembro de 1926 cando un grupo de mozos fisterráns en Avellaneda, entre os que se atopaban Jesús M. Traba, o seu primeiro presidente, Vicente Graíño ou Casto Mª Ínsua, botaron a andar esta entidade na diáspora. Ao falarmos dunha asociación con preto dun século de vida resulta imposible nomear todas as persoas que contribuíron a engrandecer a fisterranía de alén-mar. Mais cómpre non esquecernos daqueles «bos e xenerosos» que dedicaron boa parte da súa vida a axudar aos demais, como é o caso do recentemente desaparecido Perfecto Marcote, un dos nosos principais embaixadores no exterior, Pepe Trillo, Cristina Lozano ou Tomás Marcote, por citar só algúns nomes coñecidos.

Descoñezo, a día de hoxe, o número exacto de asociados da Asociación Finisterre en América, pero hai uns anos andaba polos 800 e, en 1990, chegou a ter 2.467. Unha cifra a ter moi en conta. Abonda sinalar que nas últimas eleccións xerais celebradas en Fisterra o 26 de xuño votaron 2.588 persoas; ou o que é o mesmo, tan só 121 máis que os socios que chegou a ter esta entidade. Noventa anos de activo periplo social e cultural dan para moito. De entrada, para promover e difundir o coñecemento da lingua e a cultura galegas con actividades lúdicas e culturais. Un dos meirandes orgullos do que presumen os nosos emigrantes fisterráns en BSAS, é, sen dúbida, o impresionante campo recreativo Ara Solis, con capacidade para máis de 500 persoas e onde se xuntan e arrexuntan os fillos e netos da fisterranía.

Neste lugar de encontro, levantado coa suor dos nosos emigrantes, non é raro asistir a obradoiros de baile e música tradicional, dar conta dunhas boas pulpadas ou combater a morriña na mellor das compañas. Para os interesados na lectura, ademais da luminosa revista Finisterre, órgano oficial da entidade, os nosos emigrantes contan tamén cunha importante biblioteca que leva o nome doutro egrexio fisterrán, Desiderio Paz Figueroa. Aprendan e tomen nota os de aquí. Finalmente, do labor benfeitor da Asociación Finisterre en América dan boa conta os festivais benéficos organizados en 1929 para recadar fondos e axudar ás familias dos náufragos da nosa localidade, chegando a enviar máis de 4.000 pesetas daquela época (toda unha fortuna!); as xestións realizadas perante as autoridades españolas reivindicando, en 1927 e, logo, en 1928, no transcurso dun Consello de Ministros celebrado na Coruña, a construción dun porto de refuxio ou as doazóns para escolas no rural, entre outras iniciativas. Por se non houbese felicitación oficial, grazas e parabéns, desde este lado do Atlántico, á Asociación Finisterre en América. «Mil primaveras máis!»