Publicidad
Publicidad

Vanesa Rodríguez: «Cada día do emigrante é un exame»

É docente universitaria en Alemaña, unha actividade que compatibiliza coa súa tese doutoral en lingüística e coa asistencia a congresos no estranxeiro

as pontes / la voz, 08 de noviembre de 2017. Actualizado a las 05:00 h. 0

0
0
0
0

Desde que no ano 2005 deixou a parroquia pontesa de Goente non parou de estudar. Tampouco agora. Licenciouse en Xornalismo en Valladolid. E desde alí, a capital de Castela, deu o salto a outra capital. En Madrid, na Complutense, cursou estudos de Comunicación Audiovisual e completou a súa estadía madrileña cun Máster en Estudos Literarios. O salto internacional chegou de inmediato. De Madrid a Dinamarca, onde viviu tres anos. Agora reside en Alemaña onde, ademais de realizar unha tese de doutoramento en lingüística, combina a docencia, os congresos no estranxeiro e as clases de alemán.

-Moitas voltas en pouco máis dunha década. ¿Como arrinca este periplo?

-Rematei os meus estudos e as únicas opcións que tiña en España parecían ser prácticas non remuneradas ou contratos de bolseira duns trescentos euros, no mellor dos casos, o que supoñía que meus pais tiñan que pagarme os gastos na cidade e tamén se merecían unha xubilación tranquila. Pensei que non perdía nada por ver que podería haber para min no estranxeiro e sempre podía mercar o billete de volta.

-Representa a unha xeración de mozos que se viron forzados a emigrar.

-A emigración de hoxe segue sendo ben dura na parte emocional, pero non deixa de ser en primeira clase, e con isto quero dicir que vamos falando varias linguas, sabendo que nunhas horas en avión estamos na casa e temos Skype. A necesidade está clara cando a nosa xeración vai buscando fóra o que non atopa no país, pero tamén é, á vez, unha emigración voluntaria con vistas a cumprir obxectivos persoais e profesionais. A necesidade real era a do meu avó que foi facer as Américas para manter á súa familia ou a de meus pais que, aínda levando o contrato debaixo do brazo, non sabían nin unha palabra en francés e ían co xusto na maleta.

-No seu caso, ¿como a recibiron?

-A verdade é que teño dúas experiencias distintas nos dous países. No primeiro, foi máis duro porque fun na incerteza de saber que me deparaba o país. Dinamarca é un país máis hermético que Alemaña, ao que a emigración se refire, e tiven experiencias -poucas- de rexeitamento por ser estranxeira. Co tempo vas curtíndote e aprendes a buscarte a vida, non che queda outra. As primeiras sensacións oscilaban entre a ilusión de mellorar e a decepción, xa que viviras varios anos nunha mentira: a de pensar que a parte máis dura era a de estudar e que despois todo sería máis doado. As portas tes que abrilas ti. Agora en Alemaña, xa vin cun contrato de docente e o recibimento xa é doutro xeito.

-Foi abrindo unhas portas e pechando outras.

-Empecei coidando nenos mentres aprendía danés e despois, xa máis integrada e coa lingua, fun atopando outros traballos cada vez máis cualificados. O traballador emigrante está en constante proceso de aprendizaxe e en constante proba no país de acollida, polo que cada día é un exame que tes que aprobar. Tres anos despois, volvín emigrar e agora son profesora de universidade en Alemaña, pero foi un proceso duro. Son feliz no meu traballo e os meus compañeiros, varios deles galegos, son marabillosos. A maior diferenza laboral é que o teu traballo é apreciado, aínda que sexas a asistente da asistente ves que, con esforzo, sempre hai un chanzo máis.

-¿A morriña desaparece nalgún momento?

-Boto de menos non estar nas ocasións especiais ou cando máis falta fas na casa. Cando soa o teléfono a unha hora non habitual, xa che tremen as pernas. Cada vez que vas á casa, nada cambiou, pero vai cambiando todo pouco a pouco. Iso doe, pero é o prezo que tes que pagar. Sempre quero pensar que hai un punto de retorno, pero a día de hoxe é bastante improbable. Teño un estabilidade persoal e profesional, cada día estou máis integrada no país e conseguir o mesmo en Galicia sería moi complexo.

«A emigración de hoxe é ben dura, pero non deixa de ser en primeira clase»

Comentarios 0

Este proyecto ha sido cofinanciado por