O franciscano que remove conciencias

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

AFRICA

XOÁN A. SOLER

Rianxo pariu a unha das voces da Igrexa máis críticas coa situación dos inmigrantes africanos

21 dic 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

Crentes ou non, posiblemente haxa moita xente que oíu falar do arcebispo de Tánxer. É unha das voces máis críticas co trato que reciben os emigrantes africanos nas fronteiras españolas e as súas declaracións contra aberracións como as coitelas na valla de Melilla ou as denominadas devolucións en quente removen conciencias e son, case sempre, incómodas para os gobernantes. Pese a esta actitude belixerante contra a inxustiza, Santiago Agrelo Martínez, nado na parroquia rianxeira de Asados, é unha persoa tranquila e afable que fala da súa vida coa mesma sinxeleza e claridade coa que o fai do drama da inmigración, que coñece ben de preto.

Conta con humor, cando se lle pregunta polo camiño que o levou a converterse na principal autoridade eclesiástica en Tánxer, que a súa vida «está marcada por unha anomalía de neno: choraba de noite e durmía de día». Explica que isto o levou a «emigrar» da casa dos pais á dos avós, e de alí marchou ao seminario franciscano de Herbón, e non precisamente porque fose un santo como el mesmo recoñece. Unha vez alí, asumiu o seu destino: «En Herbón entrei para ser frade e xa nunca pensei en ser outra cousa, o que me fai sospeitar que nunca botei en falta outra cousa».

Despois do convento e antes de chegar ao continente africano, foi profesor de Teoloxía, secretario da Provincia Franciscana de Santiago e párroco na diocese de Astorga. Tamén publicou algún libro, e incluso presentara en Rianxo un volume de poemas. E cando estaba a piques de cumprir os 65 anos e ás portas do retiro, no ano 2007, nomeárono arcebispo de Tánxer. «Non sei dicir que me chamaron ou que me mandaron, o feito é que vin a esta terra cando me nomearon bispo a tres días xustos da xubilación. Non parecía que a miña fose unha idade moi axeitada para facerse cargo de fillos, pero alí estaban, e pedíaseme que os coidase. E a cegas, como se fai sempre cos fillos, dixen que si».

Esperanza viva

En Marrocos convive a diario co drama da inmigración e dedica grandes esforzos a denunciar a situación dos que soñan con chegar a Europa fuxindo da pobreza e a política de fronteiras, que como ten dito en algunha ocasión, é inxusta «porque se vulneran os dereitos fundamentais dos inmigrantes». Pero cando alguén se interesa polo labor que leva a cabo en Tánxer, resúmeo dicindo que o seu traballo «é manter viva a esperanza». Nada máis e nada menos.

Dentro desta tarefa non hai lugar para a exclusión, e teñen cabida tanto os fieis coma os que consagran a súa vida a favor dos necesitados e os inmigrantes, para os que procura «que na Igrexa encontren unha casa de familia». Manter viva a esperanza de uns e de outros podería parecer unha tarefa case que irrealizable, pero para o padre Agrelo, como é coñecido en Rianxo, a clave é ben simple: «Facer o que está nas nosas mans para que cada xornada que pasa lles deixe a certeza de que ese foi un bo día e que o de mañá vai ser aínda mellor».

Con este obxectivo, a comezos deste ano constituíu en Marrocos a Fundación Peteiro, unha entidade que recolle o legado doutro galego e dedicada a obras sociais dirixidas aos desfavorecidos en ámbitos como a cooperación internacional ou a inclusión social.

Empezar de novo

Santiago Agrelo foi ordenado arcebispo de Tánxer no mes de xuño do 2007, a tres días xustos de cumprir os 65 anos, e desde aquela ten realizado varias visitas á súa terra natal. A última foi o pasado mes de setembro, cando se uniu ás celebracións das festas da Guadalupe oficiando misas e novenas.

O que non ten prazo é o seu regreso definitivo a Rianxo. A súa estadía en terras africanas ten data de caducidade, sen embargo, polo momento non sabe cal será o seu novo destino. En canto deixe Tánxer, «este frade volve a onde os seus superiores decidan. Daquela, se chegamos a ela, será tempo de empezar outra vez a coidar fillos».

SANTIAGO Agrelo Arcebispo de Tánxer