«A UE conxuga filantropía e negocio no apoio a Angola»

AFRICA

Fernando Trabada Crende, vigués de nacemento, é un home adherido a un sorriso perenne. É un políglota, capaz de saltar entre o inglés, o francés, o italiano, o castelán e o portugués. Fala da aposta da UE por contribuir á prosperidade de Angola

06 oct 2014 . Actualizado a las 09:29 h.

«Éche a vida -explica-. Estudiei no Santa Irene de Vigo, fun a Madrid onde tituleime en Agrónomos; son coreano de Ourense (ou sexa que traballei en Coren); de alí pasei ao Banco de Crédito Agrícola, en Santiago; despois traballei na Escola de Agricultura de Edimburgo, e no Río de Xaneiro na Axencia de Innovación do Brasil».

-Do Río trouxeches o «sotaque».

-E a muller, e o convencemento de que o Brasil é unha grande potencia agrícola e tecnolóxica.

- Se as contas non fallan, como funcionario da Comisión Europea levas catro anos en Italia, en Ispra, no Centro Común de Investigación de la CE, seis en Bruxelas na Dirección Xeral de Investigación como responsable do programa de investigación das pemes, e xa vas para dous e medio como encargado de Desenvolvemento Rural e Seguranza Alimentaria na Delegación da UE en Luanda.

- Así é.

-Ben, pregunta directa: que fai a Unión Europea en Angola? -Resposta directa: investir nas persoas, na prosperidade e na paz. A UE é o maior doador do mundo, e o maior de Angola. Desde 1986, ano en que se abriu a nosa delegación, a UE concedeu máis de 800 millóns de euros a ese país. A Unión Europea é socio do Goberno de Angola en grandes proxectos de saúde, educación, auga e saneamento, agricultura, seguranza alimentaria, gobernanza, dereitos humanos, reconstrución, desminaxe...

- Haberá un ano falabas en La Voz do drama das minas. Hai pouco repetías na Universidade da Coruña datos sobre este fenómeno de entorpecemento socio-económico en Angola. ¿Tan importante é?

- Angola sufriu décadas de guerra, e os accesos ás terras de labor ficaron inutilizados, causando graves problemas socioeconómicos ás comunidades rurais. Na desminaxe, como en todo o proceso de reconstrución do país, a UE ofrece a Angola o apoio posible para asegurar a continuidade do crecemento inclusivo e a prosperidade, e para acadar a paz e a estabilidade na rexión.

- Sendo Europa un continente colonizador de África, A axuda de UE é totalmente filantrópica?

- Tenta conxugar filantropía con negocio. Desde que rematou a guerra no 2002, a Unión Europea sempre foi un dos principais socios comerciais de Angola. Mais non só hai compras e vendas. Empresas europeas, grandes e pequenas, transfiren coñecemento e traballo a Angola.

- Como resumirías as características máis salientables da economía angolana?

- Angola está no segundo lugar dos países produtores de petróleo de África. Represéntalle arredor do 46?% do PIB, o 80?% dos ingresos do Goberno e o 95 % das exportacións. En base a isto, Angola é un dos países nos que máis medrou o PIB durante os últimos 15 anos. Ora, os indicadores sociais non dan seguido o ritmo dos índices macroeconómicos: case o 40?% da poboación vive por baixo do limiar da pobreza e o desemprego é elevado.

- Fronte a ese panorama, ¿Onde estarían logo as oportunidades de negocio en Angola para as empresas galegas?

- Na diversificación económica, nos sectores non petroleiros que xeren emprego e promovan a redución de pobreza. Iso é claro obxectivo do Goberno de Angola. Velaí logo a importancia do desenvolvemento agrícola. Antes da guerra, Angola era un dos maiores produtores de alimentos e un dos maiores exportadores de café do mundo. Agora importa comida. Para o país é vital a seguranza alimentaria, parella do desenvolvemento rural e a saúde. So un 5?% da poboación rural ten acceso a unha billa de auga hixienizada comunitaria. O resto depende dos ríos, o que produce altos niveis de malaria e febres tifoideas, con mingua da produtividade dos adultos e dos ingresos das familias.

- Cando falas así, ¿non hai paixón de enxeñeiro agrónomo?

- Non, non: os datos están aí. Angola pode ser o celeiro da África. Por tanto a agricultura élle unha actividade vital; e tras dela vén a agroindustria, que achega valor engadido, crea postos de traballo e diversifica a economía. Sen apoio ás comunidades rurais e ao sector agrario, a poboación nova do rural angolano seguiría emigrando ás cidades, onde se amorea xa e aviva o descontento social.

- Na túa conferencia na Universidade da Coruña o pasado xullo dixeches que, ao ritmo actual, a desminaxe, demoraría ben anos. ¿Non sería mellor que o país abandonase esas terras e dedicase os seus esforzos a outras áreas de desenvolvemento?

- Nunca... Un gran traballo xa foi feito con o apoio da UE e o número de vítimas por minas caeu drasticamente. Hoxe temos mais accidentes con enxeños explosivos non detonados do que coas minas. Porque nas áreas rurais os campos minados son coñecidos e están sinalizados. Aumentan continuamente a accesibilidade ás terras e os reasentamentos das persoas que escaparon das zonas en conflito. A xente quere volver ao seu. Coma nós os galegos: sempre queremos volver ás raíces...

- ¿Estaste namorando de Angola?

De Angola e de toda África.