«O tema da emigración a día de hoxe aínda agocha numerosos matices»

Xesús Fraga
xesús fraga REDACCIÓN / LA VOZ

ACTUALIDAD

O escritor gañou onte o galardón por unanimidade cunha novela sobre a separación dunha familia e o retorno

08 nov 2017 . Actualizado a las 10:09 h.

Antonio Piñeiro (Ribeira, 1962) adxudicouse onte por unanimidade coa novela A través do fume o premio Torrente de narrativa en galego, que convoca a Deputación da Coruña e está dotado con 25.000 euros mais a publicación da obra. Unha novela na que aborda ese tema inesgotable para os galegos que é a emigración. Un tema «aparentemente sinxelo» pero de grandes repercusións para moitas persoas a mediados do século pasado a Europa. «En moitos casos o que había detrás era unha ruptura familiar, cunha grave crise de autocoñecemento dos propios membros da familia, a creba da familia», explica o escritor. A ese punto de partida engádeselle un «punto de chegada», que é o do retorno, do que o escritor prefire reservarse os trazos argumentais do libro.

-¿Por que elixiu a emigración?

-O que me moveu foi a enormidade, a dimensión do tema, e todas as cousas que aínda segue agochando, todos os matices que oculta a día de hoxe aquel fenómeno tan masivo e tan grandioso e tan tremendo ao mesmo tempo como foi a separación de milleiros de familias en toda aquela época das maletas de cartón.

-O xurado destacou a estrutura a xeito de crebacabezas.

-Si, porque está escrito en modo corrente de consciencia, o que tamén se pode chamar nalgún caso monólogo interior. Aí está o especial da novela, porque non se soen presentar a concursos este tipo de modalidade. A corrente de consciencia é unha liña continuada de discurso no que se van deixando caer as pezas en formas de imaxes, en capítulos curtos.

-Tamén emprega un rexistro de prosa poética, algo xa presente nos seus libros anteriores.

-Supoño que iso forma xa parte dos trazos de estilo. É a escolla que fixen eu. Particularmente prefiro ese tipo de linguaxe, adxectivada, retórica, iluminadora, metafórica, bastante impresionista, baseada nos momentos, circunstancias e obxectos. Unha linguaxe de adorno. Eu coido que a literatura ten que ter moito diso, de alfaia e de adorno tamén.

-En «As fiandeiras» remontábase ao século XIX e en «A identidade fascinada» recreaba os anos 80. ¿Que lle supón o pasado como materia prima literaria?

-Pois todo. Está esa famosa frase que xa se converteu nun costume do dicir, todo o que somos é a nosa memoria, o noso pasado. En parte hai unha filosofía que se desenvolve arredor desa idea, e é certo. Non hai porque escapar dela. Hai outra modalidade anglosaxona de tirar para adiante e non mirar para atrás, pero na literatura non é posible. A literatura sempre ten algo do vivido.

-¿Que incidencia como estímulo e promoción supón un premio como o Torrente?

-Pois moitísimo. Eu non me corto nada en dicir que os premios son o factor que hoxe en día, polo menos a min, manteñen esa teima no traballo. Os premios son o lugar do recoñecemento, eu prefiro dicir privilexiado, porque son outros, entendidos en literatura, que están acostumados a ler moito, que valoran a obra. É certo que hai un público lector, que é o máis respectable, e un circuíto de lectura, pero os premios, poñéndoos a carón desoutro nivel, son importantísimos. Coido que non deixarei de presentarme porque atopo unha gran satisfacción en que se me recoñeza, en parte por certa inseguridade que todos temos tamén. Ao fin e ao cabo somos exploradores das palabras, nunca sabemos se pisamos terreo firme.

-Tamén cultiva a edición co selo artesanal Bourel...

-Si, agora está un pouco parado porque ando noutros proxectos, pero é unha liña de traballo participativa e múltiple, que combina as artes e é artesanal. Son edicións moi limitadas e que practicamente converte cada libro nun libro obxecto ou artístico.