Publicidad
Publicidad

Unha mirada á cultura galega dende o exterior

Xornalistas que exercen fóra analizaron a percepción que hai de Galicia

Santiago / La voz, 15 de febrero de 2017. Actualizado a las 10:33 h. 0

0
0
0
0

Como se ve Galicia dende fóra. Profesionais da comunicación que exercen no exterior foron os encargados de ofrecer esta mirada durante a xornada organizada onte en Santiago polo Consello da Cultura Galega. Os xornalistas Ramón Pernas, Gonzalo Cortizo, Pilar Falcón, Manuel Jabois, Miguel-Anxo Murado e Carlos G. Reigosa abordaron as eivas, potencialidades e a percepción que se ten noutras latitudes sobre a cultura galega.

O escritor e xornalista Ramón Pernas abriu o encontro incidindo en que a cultura galega é moi endogámica. Salientou, por exemplo, que nos últimos vinte anos ningunha obra teatral producida en Galicia xirou fóra, máis alá de citas puntuais, e que só un 1% dos libros escritos en galego foron traducidos a outros idiomas. Ademais, no transcurso da súa charla coa tamén xornalista María Xosé Porteiro, fixo fincapé no movemento Nunca Máis, que tras supoñer unha importante revisión do modo de ver a vida, quedou nun movemento romántico. «O Consello da Cultura Galega debería facer un barómetro de como nos ven fóra cada ano», suxeriu para rematar.

En canto aos estereotipos que de Galicia se impoñen no exterior, o escritor e xornalista Miguel-Anxo Murado afirmou que «hoxe os tópicos son case todos positivos: ser galego é unha cousa moi valorada». Engadiu que a súa relación co país é nostálxica e sentimental, incluso cando residía en Galicia, e asegurou que hoxe pode escribir dende calquera sitio onde haxa conexión a Internet. Pola súa banda, Manuel Jabois, que compartiu mesa con Murado, explicou que se usa moito o tópico da indefinición galega para aludir a accións do presidente do Goberno, Mariano Rajoy.

Pola súa banda, Carlos G. Reigosa fixo un repaso no peche da xornada polas súas vivencias dende a súa chegada a Madrid, onde botaba en falta o recoñecemento da singularidade galega. Tamén afirmou que os «galegos de aquí e os de fóra, vivimos de costas» e aprecia unha falta de comunicación entre ambos colectivos. Nese senso, ve unha certa reticencia ou indiferenza dos galegos que viven na comunidade respecto ás pegadas e o labor dos que están fóra, e considera que debería haber unha idea de identidade e unidade que permita traballar a todos xuntos.

A xornada Miradas xornalísticas arredor da cultura galega contou cun amplo respaldo, ata o punto de que se cubriron todas as prazas.

Comentarios 0

Este proyecto ha sido cofinanciado por