Publicidad
Publicidad

«Antes exportabamos man de obra non cualificada; agora, talentos»

Xosé M. Núñez Seixas reúne nun volume as súas análises sobre o impacto da emigración e o exilio en Galicia

redacción / la voz, 23 de agosto de 2016. Actualizado a las 09:09 h. 0

0
0
0
0

Xosé M. Núñez Seixas (Ourense, 1966), catedrático de Historia Contemporánea de Europa na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich, vén de reunir en O soño da Galiza ideal (Galaxia) seis achegas á emigración e ao exilio, dende unha comparativa co caso irlandés ata os roles de Rosalía, Blanco Amor e Castelao.

-Ramón Villares dicía hai pouco neste xornal sobre a concentración de persoeiros en Vilalba que unha das posibles causas eran as escolas de indianos na zona. ¿Obedecían a esa visión de construír unha Galicia ideal?

-Sen dúbida, a dotación de escolas para os seus lugares de orixe é unha das facetas dese labor de rexeneración cultural e cívica, tamén con compoñentes sociopolíticas, que promoveron de xeito coordenado os emigrantes da América en Galiza. Cómpre, porén, termos en conta algúns matices. Primeiro, non se trataba sempre dunha obra altruísta e filantrópica: os emigrantes querían que os seus recursos se investisen sobre todo nas súas freguesías ou aldeas de orixe, e que os beneficiarios fosen diante todo os seus parentes; iso obsérvase ao analizarmos a correspondencia entre sociedades de emigrantes e os seus delegados en Galiza. Segundo, moitas veces esas escolas tiñan un fin implícito: preparar mellor aos galegos para a emigración, fornecéndolles habelencias e competencias útiles para atravesar o océano: por iso non acababan de gustarlles aos galeguistas ou ao movemento obreiro. Terceiro, había un elemento de autodignificación por parte dos emigrantes: non querían que os novos chegados fosen analfabetos e contribuísen a perpetuar o estereotipo étnico pexorativo que inzaba nas sociedades americanas verbo dos galegos.

-No seu libro rebátese a visión de que só se emigraba por causas económicas e dáselle valor a outros factores. ¿Que outros tópicos aínda debemos derrubar?

-Primeira: non emigra quen quere, senón quen pode. En Galiza emigrábase non tanto por pobreza absoluta, senón pola certidume de que noutros sitios se podía vivir mellor. Había tradicións migratorias premodernas, mobilidade da poboación; e había medios para financiar a pasaxe. Pequena propiedade, aínda que imperfecta. Segunda: a emigración é unha decisión, individual e familiar, que se toma nun contexto de información limitada e imperfecta. Mais é unha decisión. Cómpre preguntarse polo que os actores sentían e como vían eles a súa emigración. Terceira: a emigración tamén tiña contrapartidas para a sociedade de orixe. En boa parte, as mudanzas socioeconómicas e políticas da Galiza do primeiro terzo do século XX non se entenden sen as remesas, materiais e inmateriais, da emigración.

-Rosalía participaba desa visión da migración como fuxida da pobreza, pero foi a calidade da súa obra e a capacidade para expresar o que moitos emigrantes non eran quen de verbalizar o que a converteu nun símbolo, ¿non?

-En efecto. A calidade e profundidade dos seus versos, a súa difusión a través de grupos corais e da prensa, fixo dela unha sorte de intérprete cualificada do que moitos emigrantes, e mesmo exiliados, sentían mais non eran quen de verbalizar. E facíao en galego e sobre Galiza, mais expresando temas e sentimentos universais. Eis unha das razóns do seu éxito entre os ausentes, na miña opinión.

-En Castelao conviven as facetas de emigrante e exiliado. ¿Como influíron no seu pensamento?

-Castelao, emigrante na Pampa cando foi un neno, emigrou dunha vila costeira, Rianxo, a unha zona case despoboada. A súa percepción foi inversa á da maioría dos emigrantes galegos. Cando voltou, e até a Guerra Civil, tiña unha imaxe negativa da emigración, sen case matices: non coñeceu as sociedades galegas, o reagromar do sentimento de galeguidade alí... Durante o seu exilio na América, coñece todo o que non vira a comezos de século, en Nova York, A Habana e sobre todo en Bos Aires e Montevideo. Mirou nas colectividades galegas un referente de lexitimidade para a causa republicana e galeguista moito maior do que os colectivos e exiliados. Mesmo idealizounas. Era unha escolla estratéxica, pero tamén sincera: endalí que, malia seguir a considerar que, de poder prohibir a emigración, prohibiríaa, pasou a ter unha imaxe moito máis matizada dos emigrantes e das súas posibilidades de rexenerar a patria de orixe.

-¿Por que a idea do retorno tivo tanta forza nos galegos, en comparación cos irlandeses, por exemplo?

-A emigración a América, e en parte a Europa, da posguerra tiña taxas máis baixas de retorno. A Galiza dos anos 50 e 60 non ofrecía grandes posibilidades para reinvestir aforros, nos 70 muda considerabelmente a tendencia. Xa non sempre había terra que herdar ou fincas e casa que mellorar e ampliar. Para voltar, cómpre ter un lugar ao que voltar e unha perspectiva. Iso era o que caracterizaba en boa parte a emigración galega denantes de 1930.

-Dicía Fernando Pérez-Barreiro que Galicia debía aceptar aínda a súa condición de cultura diaspórica.

-Que Galiza foi e é unha cultura diaspórica aínda non moi consciente desa calidade e das súas potencialidades é certo. O retorno non ten por que ser un impedimento, todo o contrario: pode contribuír a arrequecer e dotar de contidos realistas a imaxinación do país que se ten nas diásporas. Cómpre avanzarmos na idea de Galiza como comunidade de cultura e de pertenza que combina unha dimensión territorial con outra extraterritorial. Para iso, cómpre ter unha visión diferente do que foi e supuxo a emigración. Mais tamén supón ofrecerlles un produto, unha imaxe do país, aos emigrantes que os faga sentírense orgullosos, unha imaxe moderna e atractiva, que quizais non sempre saberemos proxectar, en prexuízo de visións vitimistas.

-Hai unha nova vaga migratoria nos últimos anos, con diferenzas como a formación ou as comunicacións. Igual que os emigrantes de antano construían escolas, fundaban sociedades ou xornais, ¿como cre que se organiza hoxe ese sentimento?

-En efecto, antes Galiza exportaba man de obra non cualificada ou semicualificada, e importaba man de obra cualificada e talento. Agora, exporta talento, ou novos talentos en vías de formación ou perfeccionamento. Eis unha diferenza fundamental a respeito de migracións anteriores. ¿Como se artella agora ese sentimento? Xa non son tempos de fundar sociedades para dotar escolas, nin de elixir xuntas directivas, nin de fornecer servizos (mutualistas, recreativos...) que as sociedades de acollida, Estados do benestar europeos, xa ofrecen. Os novos emigrantes relaciónanse por blogs, Twitter, Facebook... non por iso, e falo da miña experiencia en Múnich, deixan de verse de cando en vez. Cómpre ter en conta que non se trata dun fenómeno tan masivo, e que as identidades locais ou parroquiais aquí teñen unha moito menor, ou case ningunha, incidencia.

Comentarios 0

Este proyecto ha sido cofinanciado por