«Levo con orgullo o nome de Bergantiños alí por onde vou»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

ACTUALIDAD

Di que os galegos en Uruguai teñen fama de ser «honrados»

16 abr 2012 . Actualizado a las 11:07 h.

Naceu en Morás (Arteixo) hai case 80 anos, pero síntese bergantiñán polos catro costados. Seus pais son de Imende, na parroquia carballesa de Noicela. A súa muller, Luisa Pallas, é de Paiosaco. José Walter Pena Mañana reside en Montevideo dende hai 60 anos, «pero levo a bandeira de Bergantiños alá por onde vou». É un dos fundadores e presidente do Centro Social e Cultural de Bergantiños de Montevideo, fundador da Federación de Institucións Galegas en Uruguai, secretario da Federación de Institucións Españolas en Uruguai e ten a Medalla de Galicia. Industrial retirado (foi propietario dunha das empresas máis importantes de fabricación de ataúdes chamada La Hispana Uruguaya de Walter Pena), agora adícase a protexer o patrimonio cultural da Costa da Morte.

-¿Que fai vostede cando chega á comarca?

-Visitar a moita xente. Falar cos alcaldes da zona, ver aos amigos e familiares, pasear e recordar vellos tempos.

-¿Observa cambios dende a última vez que veu?

-Sempre hai cambios, pero procuro vir unha vez ao ano, polo que o contacto non se perde. O cambio noteino a primeira vez que regresei, no ano 1981. Levaba case trinta anos en Montevideo e, claro, esta comarca pegara daquela un cambio radical en todos os sentidos.

-¿Como andan as cousas entre a colectividade galega de Bergantiños en Montevideo?

-Mal. Os recurtes tamén chegaron ás pensións e en determinados servizos como a sanidade. Hai moita xente que quere regresar a España porque en Uruguai a situación laboral non é precisamente idílica.

-¿Que lle parece a discusión política sobre o voto emigrante?

-Agora somos os emigrados os que o pasamos mal, pero quero recordarlle a moita xente que nos anos 40, 50 e 60, cando na posguerra española se pasaba fame, foron precisamente os emigrados os que mantiveron familias enteiras de Bergantiños. Moitos colexios fixéronse con cartos dos emigrantes e moitas divisas que chegaban a Galicia viñan da emigración pero, claro, iso queda moi lonxe e xa non se recorda. Eu creo que os galegos da diáspora temos dereito a elixir aos políticos.

-¿Somos mal vistos os galegos no exterior?

-Dígollo con sinceridade. Ser galego en Uruguai é como ter unha tarxeta de identificación importante á hora de conseguir un emprego. Temos fama de traballadores e de honrados, e iso é, sen dúbida, un valor engadido.

Walter Pena presidente do centro social e cultural de Bergantiños en Montevideo

El polideportivo Bergantiños de Carballo acoge esta noche la cena para recaudar fondos contra el cáncer, que organiza la junta local. Está prevista la asistencia de más de 600 personas. Actúa el dúo Época.